Ciencias para o mundo contemporáneo
"Toda persoa ten dereito a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten"
Declaración Universal dos dereitos humanos, artigo 27
“Hoxe máis que nunca é necesario fomentar e difundir a alfabetización científica en todas as culturas e todos os sectores da sociedade así como as capacidades de razoamento e as competencias prácticas e unha apreciación dos principios éticos, a fin de mellorar a participación da cidadanía na adopción de decisións relativas á aplicación dos novos coñecementos”
Unesco, 1999
A ciencia e a tecnoloxía son un dos alicerces da sociedade actual e constitúen o eixe do cambio acelerado no que se ve inmersa a humanidade nos albores do século XXI. O seu vertixinoso avance produce cambios significativos que inciden no proceso constante de transformación do mundo, afectando ó tecido e estrutura social de maneira máis relevante que outros campos do saber.
O desenvolvemento científico e tecnolóxico, en tanto que proporciona unha mellor comprensión da realidade e aumenta a posibilidade de transformar e actuar sobre o medio, contribúe de forma innegable á mellora da calidade de vida. Con todo, non está exento de riscos e incertezas e suscita problemas sociais e ético – políticos máis aló dos laboratorios, en canto que a cidadanía é afectada por decisións nas que non tomou parte e que inciden no seu escenario e forma de vida, tanto individual como colectiva.
Para unha sociedade democrática é, xa que logo, un reto importante a formación dunha cidadanía capaz de comprender e desenvolverse nun mundo no que a ciencia e a tecnoloxía están cada día máis presentes e de participar na toma de decisións, con rigor e fundamento, en cuestións de actualidade e relevancia social para avanzar cara a un futuro sustentable para a humanidade.
A materia de ciencias para o mundo contemporáneo, común para o alumnado de todas as modalidades de bacharelato, proponse responder a este desafío e contribuír a que toda a cidadanía posúa un coñecemento científico funcional, susceptible de ser aplicado a contextos diversos; un coñecemento dinámico, en sintonía co desenvolvemento da competencia de aprender a aprender, que capacite para adaptarse e seguir o ritmo da actualidade científica; un coñecemento que facilite o desenvolvemento de actitudes, como as de tolerancia e ausencia de dogmatismo, e que lles permita actuar como persoas autónomas e críticas capaces de argumentar, xustificando as súas posicións, e participar activamente na sociedade.
Estes presupostos, que non son outros que os que figuran na introdución do borrador do currículo galego de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, están en sintonía cos estatutos da Institución Galega de Ciencia (IGACIENCIA), e son asumidos plenamente por esta asociación. Pola relevancia da materia, para o presente e futuro da cidadanía dunha Galicia do século XXI, esta asociación considera que debería manterse o horario proposto pola Consellería.
Xunta directiva de IGACIENCIA
Correo secretaria@igaciencia.org
Hai que ensinar aos cativos para o seu futuro, non para o noso pasado
"Se non aprendemos da Historia, poderíamos vernos obrigados a vivila de novo. Pero se non planeamos o futuro, verémonos obrigados a soportalo. E iso podería ser moito peor" Alvin Toffler
"A ignorancia de moitos dálles poder a uns poucos" Hiram Maldonado
"A finalidade da ciencia non é brindar a sabiduría perpetua, senón poñer límites á perpetuación do erro" Bertold Brecht